Sunday 05 de May de 2024

O Goberno financiará a restauración da Casa da Veeduría na Cidade Vella con 2,5 millóns de euros


O Executivo que dirixe Inés Rey presentou un proxecto para completar a rehabilitación do inmoble á convocatoria efectuada polo Ministerio de Transportes para sufragar iniciativas culturais co 1,5% do seu orzamento

O Goberno central financiará a restauración da Casa da Veeduría con 2,5 millóns de euros despois de que o Executivo de Inés Rey presentase o proxecto á convocatoria efectuada polo Ministerio de Transportes para sufragar iniciativas culturais co 1,5% do seu orzamento.

A proposta do Concello da Coruña para o edificio da que foi a sé do Goberno Militar, non só inclúe a ampliación do espazo que agora ocupa o centro cívico da Cidade Vella, senón tamén a reserva de espazos para actividades de persoas maiores, empresas en réxime de coworking, iniciativas culturais e veciñais e aulas de estudo para universitarios. O plan de usos deseñado polo actual Goberno local, que se presentou o pasado mes de xullo aos integrantes da Mesa da Cidade Vella, tamén incluía o traslado a este inmoble da Oficina Municipal de Rehabilitación para convertela na de xestión da Área Rexurbe.

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que é unha noticia moi imortante para a cidade xa que supón “poñer ao dispor da veciñanza un edificio de grande interese histórico e patrimonial” e que, deste xeito, “aproveitarase o total do inmoble que ata o de agora só acollía o centro cívico municipal”.